castafiore

14.12.06

Recuperemos a inocencia

Din que as persoas que mellor saen nas fotos son os nenos e os vellos. Se o pensas, é verdade. Mirando a foto dun neno velo moi inocente e natural, e a un vello, tamén. Non sei por que as idades medianas nos complicamos tanto nas fotos para que ao final saiamos tan pouco naturais. E se non, non estamos satisfeitos case nunca.
Pensei neste tema ao mirar esta foto de cando era pequena. Recordo o momento na que ma fixeron.
Estabamos nun aniversario xogando, eu tiña oito anos. De pequena sempre levaba un diadema porque me molestaba o flequillo, e despois seguín levándoo (cando xa non o tiña) porque me acostumara.
Pero nese momento saqueino para colocalo ben. E nese momento fixéronme a foto.
Paréceme un exemplo claro do que estaba a falar. Sen planealo, no mesmo instante no que mirei á cámara, fixéronme a foto. Curiosamente, non saio sorrindo. De pequena sempre sorría nas fotos, este é outro dato polo que sei que non o planeei. E é das fotos que máis me gustan das que teño.
Creo que, polo menos de vez en cando, deberiamos recuperar esta inocencia que perdemos.

Etiquetas: , ,

12.12.06

A música, un hobby

Esta entrada vai dirixida ás persoas que non me coñecen moito, pero tamén para as que se interesan pola miña vida musical e que non comprenderon por que abandonei o Conservatorio.
Comecei aos sete anos no Conservatorio e rematei o Grado Elemental. Despois fixen a proba para pasar ao Grado Medio, e aprobeina cunha boa nota.
Pero, para asombro de moitos, deixeino este curso. Por que? Nin eu mesma o sei claramente.O que sei é que non me arrepinto nin me arrepentín da decisión.
Do que se asombraba a xente (ou iso me dicían e aínda me din) é de que “por que o deixei sendo tan boa”…Pois ben, o primeiro, non son nin era tan boa, só é o que lles parecía. Si, nunca suspendín, e en xeral tiven boas notas, pero iso non significa nada.
Por outra parte, estaba un pouco farta: non me quero dedicar ao piano, non é o meu. E nestes cursos, na miña opinión, ten que gustarte moito xa.
Tamén me dixeron que por que non remataba o que me quedaba, que non era tanto… Eu non o vexo así: creo que a música é un hobby e que estes non deben continuar practicándose só para rematar un ciclo.
De todas formas, non abandonei a música: estou tamén dende os oito anos no Coro de Nenos da OSG, e moi contenta.
En resumo, creo que a música é algo que ten que gustarte, se non é mellor que non a practiques. A min encántame, pero de momento, dende o punto de vista do coro. Que opinades vós? Bicos, ata a próxima.

Etiquetas: , ,

5.12.06

Final da primeira avaliación

Que tal pasastes a ponte de decembro?
Eu estiven en Madrid, e paseino moi ben. Supoño que moitos quedaron na casa estudando pois esta semana temos moitos exames. Eu teño que estudar bastante porque en Madrid non fixen case nada, había que aproveitar!
Aínda que deberiamos estar fartos de ter que facer tantos exames eu non estou de mal humor, sobre todo porque dentro de dúas semanas xa é Nadal, as miñas vacacións favoritas. Pensade que o pasaremos moi ben (polo menos eu), que teremos regalos, e todo iso.
O Nadal, ademais, vén con dúas semanas de vacacións, para descansar de esta primeira avaliación e pasalo ben. Pero xa falaremos do Nadal cando pase, non?
Así que nada máis, un saúdo e pensade que só queda unha dura semana, que a seguinte será máis relaxada.

Etiquetas: , ,